<$BlogRSDUrl$>

30.6.04

Empezan as vacacións

Despois deste curso tan longo chegaron as merecidas vacacións. É tempo de recuperar forzas, reflexión sobre o feito e como non, busca de novos materiais e recursos para comezar a nova andaina.
Felices vacacións a todos!!!.

Comentarios

21.6.04

Convocados os premios CNICE

O CNICE (Centro Nacional de Información e Comunicación Educativa) ven de convocar como tódolos anos no BOE os Premios a Materiais Educativos Curriculares.
A cuantía económica dos premios é importante como tamén o será a calidade dos traballos premiados se temos en conta anos anteriores (é moi recomendable pedirlle os CDs cos traballos premiados en pasadas convocatorias ou baixalas directamente dende a súa Web).
Para ter tódolos detalles da convocatoria podes picar aquí ou baixar un pdf co BOE do 9 de xuño.
Ánimo e a currar que temos de prazo deica o 6 de setembro!!!.

Xa saíu a convocatoria 2004 dos premios a Materiais Educativos Curriculares do CNICE


Comentarios

20.6.04

Lorenzo Varela: Letras Galegas 2005

Onte a Real Academia Galega dicidiu elixir a figura de Lorenzo Varela, o poeta exiliado en Europa e América durante case 40 anos, para homenaxealo no Día das Letras 2005.
Xesús Lorenzo Varela Vázquez naceu en 1916 a bordo dun barco que estaba entrando na Habana e continuou a súa infancia na emigración arxentina. En 1932 toma contacto co galeguismo republicano en Lugo. Inscribiuse dentro da Xeración de 1936. Cofundou a Federación de Mocidades Galeguistas e codirixiu a revista mexicana Romances.
Publicou Torres de amor (1942), Catro poemas pra catro grabados (1944) e Lonxe (1954).
Podedes consultar a biografía completa aquí, ou as súas obras.

Lorenzo Varela, o poeta do exilio


Comentarios

12.6.04

Certificación de calidade ISO 9001

Rexeito completamente as afirmacións de que a política educativa do PP era -e é- un parcheo e sucesión de pegotes mediante Decretos e Leis que se ían superpoñendo unhas a outras. Todo o contrario: teñen unha idea moi clara do que pretenden e de como facelo.
Dende o 2000 constituiuse a Rede Galega de Centros Educativos para a Calidade. Tres centros xa acadaron a Certificación ISO 9001 e outros 26 están en camiño. Agora a consellería amplía a convocatoria a aqueles centros que o queiran. A proposta non é máis ca un disfraz do Modelo organizativo Administrativo dos anos 70 derivado do mundo empresarial (de Racionalidade Técnica segundo teminoloxía de Bates)que consideraba os centros como entidades observables, individualmente dos individuos que a constitúen, dando un especial énfasis aos elementos estructurais. Modelo no que hai que obxectivar o subxectivo, cuantificar o cualitativo. Onde o director era un xestor que aplicaba as técnicas propias da empresa e nomeado pola Administración e nunca polo propio estamento educativo (a que nos soa?). O propio R. Bates no libro "Práctica crítica de la administración educativa. Universitat de Valencia, 1989" previña de que este modelo -que tiña as súas orixes nos esquemas clásicos tayloristas dos anos 30 e que rematou ca burocracia de Weber- volta agora algo camuflado teñido de calidade".
En vez de optar por enfoques organizativos modernos nos que a organización escolar se constrúe socialmente a partires de interaccións entre os seus membros (Modelo Interpretativo) ou incluso esquemas máis ambiciosos que propoñen actuar sobre a realidade para a través da educación intentar cambiala (Modelo Crítico de P. Freire e outros), a Xunta prefire convertir a Escola nunha empresa na que optimizar recursos e fomenta-la productividade.
Un enfoque que fracasou hai xa trinta anos en todo o mundo e que chea agora como "el no va más".
O que máis me amola é a cantidade de docentes válidos que se deixa seducir polo adxectivo "calidade" (rede de calidade, control de calidade)con toda a súa boa intención. Está visto que os do PP coñecen mellor que nadie o valor e perversión da linguaxe.

Comentarios

6.6.04

Presentacións

Agora que rematamos o curso escolar é hora de gardar os traballos que fixemos durante o ano no cole. Moitos recurren a meter as fotos, powerpoints, arquivos de texto, clics,... nun CD e logo poñer un índice en word ou htm. Moi curioso non queda pero pode valer. Sen embargo temos programas que fan presentacións autoexecutables nas que podes enlazar tódolos arquivos como o WebExe (Shareware) ou incluso gratuitos como o Quick Menu Builder: en cinco sixelos pasos facemos unha presentación e ademáis está en galego (a traducción fíxena hai uns catro anos e xa a baixaron máis de seiscentas persoas).

Podemos facer presentacións cun programa de balde e en galego


Comentarios

3.6.04

Actualización do Xtec

Se hai tres días comentaba que o lapisdecores se poñía ao día con tódalas traduccións e paquetes propios de Clic que había pendentes. Hoxe podemos felicitarnos porque o Racó do clic acaba de facer o mesmo despois de máis dun ano sen facelo (a última actualización data do 15 de maio do ano pasado).
79 novos paquetes clic e diversas traduccións a diferentes linguas (entre elas 8 ao galego).
Agora que ven o tempo de lecer se cada un traducimos un dos novos paquetes o traballo está feito.

O número 7 de ClicNews infórmanos da nova


Comentarios

Non se pode estar en tódolos sitios

Recibín onte un mail preguntándome por un programiña que teño traducido na páxina engalego. Do programiña en cuestión casi non me lembraba e a páxina web non a actualizo e miro dende hai moitos moitos meses. Acabo de visitar a páxina que flotaba como un barco á deriva e vexo con remordementos que ten casi trinta mil visitas a unha media de máis de 250 visitas distintas cada día.
Perdón a todos. A culpa é só miña. Non se pode querer estar en tódolos sitios á vez.


Comentarios

This page is powered by Blogger. Isn't yours?