<$BlogRSDUrl$>

31.5.04

Actualización no lapisdecores

Sen lugar a dúbidas o Clic segue a ser a ferramenta máis utilizada polos docentes en Galicia. Segue unha metodoloxía claramento conductista, sen embargo ofrece unhas posibilidades moi interesantes: facil de crear ou modificar, non precisa de grandes coñecementos en informática, e sobre todo a gran cantidade de material que temos en galego. Ese material en galego está almacenado no lapisdecores. E precisamente esta semana Manolo de Carnota, a alma mater do proxecto, actualizou os contidos do almacén con tódalas novidades que chegaron dende o Nadal.
En total son 29 novos paquetes clic, como: "Rufo volta a casa", "Os soños na gaiola", "Os músculos", "Xogando aprendo", "María a choromicas", "Contos de vento" ou "Gráficas" entre outros.

Comentarios

Imos a menos

Os docentes preocupados polas Novas Tecnoloxías temos cada vez menores oportunidades de formación. Sen ir máis lonxe: o curso pasado tiñamos en Santiago na EGAP a mediados de xuño os I Encontros en NNTT que persoalmente coido que resultaron moi ben, e neste curso non vin por algures a convocatoria -a menos que alguén me diga o contrario-; por outra banda as xornadas de Inforensino que se viñan celebrando anualmente no mes de setembro en Lugo pasan a ser bianuais, co que a VIII edición será no 2005.
Pois a continuar sendo autodidactas ou acudir a convocatorias doutras Comunidades...

Comentarios

26.5.04

GMail

Despois de moitos intentos xa teño unha conta de correo de GMail (esa que na que podes almacenar ata 1Gb). O interesante do tema é que de momento podes poñer calquera nome. Probei con varios e todos estaban dispoñibles, así que ao final quedeime con galiza@gmail.com .

De momento GMail está en fase de proba



Comentarios

FWT... Alucinante!!!

O mes pasado comentaba o ascenso que estabamos tendo no almacén de programas freeware: o Freeware World Team (un importante traballo colaborativo con xentes de 43 paises), pois ben, a subida é imparable... estas son as estatísticas:
Febreiro = 342.000 visitas
Marzo = 429.000 visitas
Abril = 452.000 visitas
e en Maio, as estimacións superan as 500.000 visitas.

Comentarios

25.5.04

Vermes de seda

Estou nun cole que entre as moitas virtudes está a da defensa e traballo en medio ambiente.
Como tódolos anos, nestas datas, estamos invadidos por unha praga de vermes de seda. Se hai alguén interesado en levar vermes para o seu centro podedes poñervos en contacto connosco no correo electrónico: ceip.pineirino@edu.xunta.es . Só pedimos que os veñades a buscar.

Clica para ver os vermes de seda a tamaño grande



Comentarios

24.5.04

Asesoramento lingüístico

Nos "Encontros" que comentei na entrada anterior celebrados o sábado en Santiago, moitos dos asistentes queixábanse dos cambios da normativa e pedían "estabilidade". Pois ben, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega vai pór en marcha un servizo de asesoramento lingüístico através do correo electrónico.
Este servizo intentará, prioritariamente, resolver as dúbidas que en materia de normativa ortográfica e morfolóxica se envíen ao enderezo sendubida@as-pg.com.
A ortografía e a morfoloxía será a función prioritaria, mais tamén dará resposta a calquer outro tipo de dúbida, sexa de carácter léxico ou sintáctico.
O servizo, que no futuro podería estar automatizado, polo de agora non estará, e por iso a resposta non será inmediata, se ben intentarase dar a contestación con toda a celeridade posíbel.

Comentarios

23.5.04

Dificil data

Celebráronse onte na EGAP en Santiago os "I Encontros de Innovación Educativa en lingua galega". Aínda que a idea non está mal e poida discrepar dalgunha das experiencias que nos amosaron ao longo do día, a asistencia foi moi cativa: un sábado co telón de fondo da Ascensión, A Santa Rita noutros lugares, a Vodísima por toda a orbe,... e así non hai quen poida.
Esperemos que os Encontros teñan continuidade, pero revisando mellor a axenda para que non coincidan tantas lerias.

Comentarios

17.5.04

Chegou o "Día"

Cada ano dame a sensación de que "O Día das Letras Galegas" vai perdendo peso. A celebración esmorece. Un día de lecer máis como calquera outro santo. Ou se lle da contido a este invento ou poucas primaveras máis lle quedan. Hai que argallar algo...

¿Esmorece o Día das Letras?


Comentarios

16.5.04

Vieiros co Día das Letras

Unha vez máis "Vieiros" ofrécenos un novo especial: esta vez adicado ó Día das Letras no que este 2004 lembramos figura de Xaquín Lorenzo "Xocas".
O especial aparte de traballar a figura do escritor e etnógrafo nos ofrece un achegamento do galego ás novas tecnoloxías e a linguaxe msn, un corrector galego para mac, fondos de pantalla ou postais sobre "Xocas".


Comentarios

11.5.04

Increméntase o blogmillo

Cada día podemos atopar na rede novas e interesantes bitácoras en lingua galega. Hoxe foi Martim o que se animou cunha interesante bitácora con software traducido ao galego por el mesmo, de difusión libre e sen ánimo de lucro. Ata o de agora non tiña páxina e eu mesmo llas iba metendo no Freeware Wolrd Team e alonxando na páxina engalego.
Entre as traduccións ao galego que Martim leva feitas destacan: Celestia (un programa educativo para visualizar virtualmente o Universo), MameLang32+ (para emular máis de 3000 xogos dende o ano 1972) ou o RipPack (unha completa ferramenta deseñada especialmente para pasar películas en DVD a CD).

Comentarios

10.5.04

Blogger renóvase

Despois de pasar a tarde de onte dándolle voltas á cachola para facer unha bitácora na que puidese comentar calquera outra cuestión fóra do mundo educativo. Hoxe atópome cun novo blogger máis atractivo, máis sinxelo , con diferentes apariencias, cos comentarios incluidos,... En fin... que en dous minutos podería facer algo máis axeitado que o que teño feito. Unha magoa. con tanta sinxeleza a ver se máis compañeiros se atreven a abrir unha bitácora para a súa clase. Garanto que os nenos se sinten moi motivados. Son eles os que tiran de tí. A miña experiencia se non é máis productiva é polas miñas limitacións. Neste momento o que me piden é información de como poder abrir a súa propia blog: xa hai algunha que outra aberta: unha sobre motos, outra de futbol, unha terceira de adiviñas...

Comentarios

7.5.04

Traducido "Celestia" ao galego

Celestia é un programa educativo que reproduce virtualmente o noso Universo. Nel poderemos viaxar entre as estrelas, polo noso Sistema Solar, Sistemas Solares lonxanos, e incluso outras Galaxias.
O Programa permítenos coñecer as constelacións, os planetas e as súas lúas, os cometas...; ata é quen de atopar e amosar eclipses. Proporciona múltiple información sobre os corpos celestes, órbitas dos planetas e asteroides, etc... E todo isto cunha grande calidade gráfica.
Para baixar o programa da rede podedes ir á páxina do autor e baixar a versión 1.3.1, para a que é valida esta traducción.
Para ter os menús do programa en galego basta con executar o auto extraíbel e descomprimilo no cartafol onde teñamos instalado Celestia substituíndo o arquivo executábel, os dous arquivos .CEL e os arquivos precisos dos cartafoles data e extras.
Unha última recomendación: Poñer música ambiente (xa que o programa carece de son) mentres esteas a viaxar pola Galaxia.
(a traducción do programa ao galego foi feita por Martim: Martín Pérez)

Celestia é un excelente programa para contemplar o universo que agora podemos poñer en galego


Comentarios

5.5.04

Novas sobre o JClic

Levamos xa uns anos agardando polo JavaClic. Según contan, no I Congreso sobre as TICs celebrado en Huelva o pasado 24 de abril, o profesor Frances Busquets (autor do Clic) dixo que aínda non hai data concreta para a publicación da primeira versión de Clic en Java pero desexa que sexa xa para o vindeiro curso. Tamén anunciou é que o JavaClic será Open Source. Unha excelente nova para a mellora e futuro de esta aplicación.

O JavaClic será Open Source


Comentarios

Proxecto Software Senior

Dirixido polo Grupo de Investigación Xerontolóxica da Universidade da Coruña, contou coa participación da Área de E-learning do Centro de Supercomputación de Galicia.
Vai dirixido a facilitar o acceso ós recursos máis axeitados para a accesibilidade informática das persoas maiores con algún tipo de discapacidade física e sensorial (dificultades visuais, motoras e auditivas). Para iso desenvolveuse unha base de datos online de consulta sinxela para acceder a información validada de recursos software destinados a facilitar o acceso ó ordenador ás persoas maiores. Pode ser utilizado como almacén de recursos para os alumnos de educación especial.
Podes entrar na súa páxina aquí.

Comentarios

3.5.04

Sony poñerá á venda CDs feitos de millo

¿Quen dixo que o Galicia estaba anclada no pasado?. Os nosos maiores consideraban que o millo era unha base importante na economía e mira o atinados que estaban. Os materiais do futuro non van vir de meteoritos ou de exploracións noutros planetas como vaticinaban os escritores de Ciencia Ficción nos anos 70 senón do vello planeta Terra. Podes ler a nova aquí.

Sony lanza o primeiro CD biodegradable do mercado


Comentarios

1.5.04

Os colexios na festa dos Maios

Os colexios temos moito que ver na recuperación de costumes e tradicións. Hoxe en moitas prazas galegas (especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra) puidemos ver uns coidados maios e unhas traballadas copliñas.
Eu asistín ao celebrado na Praza da Pescadería en Vilagarcía e era impresionante ver o nivel dos distintos colexios e asociacións participantes. Os nenos disfrutaban vendendo copliñas e cantándoas no escenario ou polas distintas rúas.
Neste concello pasouse do caracter de concurso a mostra como é na actualidade. A ver se animan noutras localidades e isto vai a máis.

Celebración da Festa dos Maios este ano na Praza da Pescadería en Vilagarcía


Comentarios

Unha xesta

Hoxe 1º de maio non é só o Día do Traballo senón tamén o inicio do mes das tarefas duras no campo e o das flores. Poñerei unha xesta nesta bitácora rcentemente estreada a ver se nos dá algo de sorte e longa vida.

Clica para ver a xesta en tamaño grande


Comentarios

This page is powered by Blogger. Isn't yours?