<$BlogRSDUrl$>

30.4.04

Máis Xocas

Continuando coa recopilación de materiais sobre Xaquín Lorenzo (a Xunta non mandará nada aos centros ata que falte un ou dos días para o 17, cando non despóis), dende a páxina de lapisdecores podemos baixar un paquete Clic feito por mestres e coodinado por Suso Lojo para Educación Primaria e Secundaria no que se tratan aspectos da vida e obra do autor así como actividades relacionadas coa etnografía e a cultura popular.

Podes descargar o executable de paquete Clic dende aquí


Comentarios

27.4.04

Díptico Xocas

Como todos andamos tolos buscando información sobre Xaquín Lorenzo (Xocas) para conmemorar o vindeiro 17 de maio, dende aquí comparto un díptico con catro nocións básicas sobre o autor. Descárgao dende aquí: anverso - reverso.

Podes descargar este cartel para conmemorar o Día


Comentarios

Convocados os premios eLearning 2004

Por cuarta vez convócanse estos prestixiosos premios para recompensar o uso das TIC no aprendizaxe nos niveis de Primaria, Secundaria e formación de profesores.
O envío de propostas aos Premios eLearning farase a través da páxina web do proxecto. O último día para envialas é o 1 de setembro de 2004.
Os gañadores dos premios serán invitados á ceremonia de entrega en Praga, República Checa, en novembro de este ano.



Comentarios

25.4.04

Intper, unha iniciativa galega

Despois do anuncio de Google de ofertar unha conta de correo gratuita de 1 Gb, unha nova iniciativa surxe esta vez dende Galicia: unha empresa con domicilio na Coruña e de nome Intper ofrece un espacio propio, ilimitado e privado na Rede, e-mail, axenda, os meus favoritos, as miñas fotos, os meus contactos, a miña rede de amigos, o meu weblog, o meu chat privado, os meus textos e documentos, os meus contidos, a miña información, as miñas novas de interese, o meu navegador personal, un multibuscador de información interna, e moitos máis servicios personais. Dende calquera parte do mundo. E totalmente Gratis.
Seguiremos de preto esta iniciativa. Parece demasiado bó para que non teña ningunha pega...


Comentarios

24.4.04

Oferta formativa da Xunta curso 2004-05

Xa podemos consultar na rede o Plan Anual de Formación do Profesorado 2004-2005 . Estiven ollando a parte do Cefore de Pontevedra e sen grandes milagres creo que mellorou o do ano pasado. En canto á informática vexo que se vai incluindo xa nas distintas áreas. A ver si pasiño a pasiño...
Pola contra, sigo botando en falta unha maior concreción dos contidos de cada curso (demasiado xenérico todo) e quen son os ponentes previstos (un mal curso pode ser interesante polo ponente ou viceversa).


Comentarios

23.4.04

Día do libro

Aínda que non son moi dado a celebracións, hoxe fun a unha librería e tiñan todo con carteliños dun 10% de desconto para mañán venres 23, xa me fastidiou bastante levarme dous libros sen o desconto por non poder voltar mañán.
Entrando no xogo, recomendo ler algun relato curto, unha poesía un conto,... descubrir un autor novel na páxina da Biblioteca Virtual Galega. Coido que non lle estamos dando a importancia que ten esta iniciativa que ademáis é de balde e está na nosa lingua.

Comentarios

20.4.04

Xaquín Lorenzo (Xocas)

Cando só queda un mes para o Día das Letras Galegas 2004 é o momento de ir traballando nas nosas clases o autor homenaxeado xunto a outras actividades específicas e xa tradicionais de cada centro. Este ano o Día está adicado ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández (Xocas). Con motivo dos premios Siega da Xunta de Galicia fixen unha actividade co Hotpotatoes sobre a vida do autor para alumnos do terceiro ciclo de Primaria e os da ESO. Se queres ver esta Unidade clica aquí.


Comentarios

Oferta formativa dos Cefores

Vendo hoxe o taboleiro de anuncios do centro onde traballo atópome cunha convocatoria dun cursiño do Cefore de Pontevedra sobre o programa Clic 3.0. A convocatoria fíxose neste terceiro trimestre de curso porque según dicía a nota "houbo pouca demanda noutros". Esperemos que na próxima convocatoria se planifiquen mellor as actividades .
Agora que van chegando por contagotas os ordenadores aos centros ¿para cando se tomará en serio a formación do profesorado nas Novas Tecnoloxías?.


Comentarios

16.4.04

Abrimos unha blog en Primaria

Tal e como tiña pensado, hoxe na clase de informática con alumnos de 4º de Primaria empecei a elaborar unha blog na que iremos colgando os traballos que vaian realizando os alumnos a partires da aplicación do aprendido no último trimestre: pequenos coñecementos de word, paint, os formatos de imaxe, a busca en internet con Google, gardar unha imaxe, un documento,... Os alumnos están colocados en parellas e se lles foi asignando o traballo: un debuxo, contar costumes de Vilagarcía, como é o colexio,... Eles mesmos se encargaron de buscar pola rede as imaxes que deberían acompañar os textos, tamén decidiron que ligazóns poñer.

O nome de "Redactor dixital" débese a que a revista do cole da que editamos dous números anuais coincidindo co Día da Paz e o Día das Letras Galegas chámase "O Redactor".

Comentarios

15.4.04

Tangram

Hoxe recibia un Email preguntándome por un Clic sobre o Tangram reseñado na páxina engalego. Pois ben, hai unha versión de balde en Edugaliza e traducido ao galego por Manuel Díaz Regueiro de AGAPEMA con diferentes niveis de dificultade e moito máis funcional. É un bó recurso para introducir aos nenos no manexo do rato e traballar a orientación espacial.


Comentarios

13.4.04

Base de datos de Xogos Tradicionais

O CEIP Virxe do Portal en Sobrado dos Monxes ten unha impresionante web con moitos recursos entre o que podemos destacar unha base de datos en formato access con 90 Xogos Tradicionais no que se amosa unha descripción do xogo, tipo, zona de xogo, duración, participantes, edade, materiais, obxectivos do xogo, procedencia, canción,...
Unha boa proposta agora que comenzamos o trimestre do bó tempo e o Día das Letras Galegas.


Comentarios

12.4.04

Todos educadores

Repasando o blog de Fran Alonso Cabrafanada atopo un comentario sobre unha charla que tivo que dar nun colexio a nenos/as de 5º e 6º de Primaria no que ridiculiza aos mestres por terlles mandado ler un libro seu: "Males de cabeza". Persoalmente nunca houbera escollido ese libro para o 3º Ciclo de Primaria, sen embargo algunhas das súas historias si se poderían utilizar para traballar distintos temas con alumnos de 10 a 12 anos. Neste País todos somos educadores, todos lemos a Piaget, os mestres continuamos a ser o colectivo máis desprestixiado socialmente... unha carreira de segunda ou terceira división e así nos vai.
É unha mágoa que un autor que traballa en contacto co mundo editorial teña eses prexuizos.

Comentarios

Instaladores

Acabo de chegar de pasar catro días en Asturias e veño coas pilas postas.
Entre os correos que tiña acumulados vexo un de Bersoft coa nova versión do EasySetup. Unha utilidade que fai instaladores para os nosos programas (vale tamén para os Clic). Están xa coa versión 2.3 e vexo que é moito máis intuitiva que as anteriores e presenta máis opcións. Aínda que o programa é Shareware pódese usar de balde soportando unha reseña co nome da web dos autores. Existe a opción de que os instaladores dos programas creados con EasySetup estén en galego (o arquivo que o posibilita foi unha traducción miña de hai un ano máis ou menos pero como non me comunicaron os cambios da nova versión supoño que terá liñas sen traducir... xa lle botarei unha ollada).
Persoalmente sigo preferindo o Install Creator. Que conta tamén cun parche ao galego na miña páxina Engalego.


Comentarios

8.4.04

Educación Física

Estiven ollando o novo deseño da páxina de Agadef (Asociación Galega de Docentes de Educación Física) e pareceume supercompleta. É impresionante o nivel que ten e a cantidade de recursos e boas suxestións que nos ofrece, como por exemplo as distintas propostas para traballar en clase o tema da "Marea negra". Xa irei desmenuzando a páxina noutras ocasións. É das que hai que gardar obrigatoriamente en favoritos pois sempre merece a pena voltar.


Comentarios

7.4.04

Os Blogs en Primaria

Con respecto a isto des blogs, weblogs, cadernos de bitácora, bitácoras,... hai xa un tempo que estaba metido nunha lista de correo que teñen os de blogaliza pero ata que te metes a fondo a facer unha non te dás conta das súas posibilidades (e non só para os universitarios ou os alumnos de secundaria como dín a maioría dos manuais).
¿Por que non facer na aula de informática en primaria unha blog de xeito similar a como utilizamos o "corcho" nas nosas aulas?. Ahi poderían ir poñendo debuxos, poemas, comentar novas, escribir un conto,... coa ventaxa de que todos puidesen ver os traballos e comentalo deixando a súa opinión na páxina.
Cando chegue de vacacións penso montar unha con alumnos de 4º de Primaria (o nivel máis alto no que imparto informática) e xa comentarei que tal.

Comentarios

6.4.04

Estatísticas

Alucinante!!!. Estiven vendo as estatísticas de Freeware World Team e temos unha media de 17.000 visitas diarias. Teño curiosidade por saber cantas delas lle dan á bandeiriña galega. Cando dispoña do dato prometo poñelo. Polo de agora as estatísticas son pouco precisas.

Comentarios

Sindicación

Agora xa podes sindicar esta blog. O contido XML foi creado en blogstreet. Así podedes consultar as novidades da blog sen ter que visitar a páxina cada vez instalando un lector (como o FeedReader) e copiando o enderezo do icono XML no programa.
Se queredes saber máis obre a sindicación de contidos lede este artigo de Amador Loureiro .
Gracias Amador por amosarme as posibilidades de esta ferramenta!!!

Comentarios

5.4.04

Mardelira

E para os que queiran un turismo diferente con múltiples posibilidades educativas "Mardelira" oferta actividades a desenrolar no porto de Lira e arredores, dirixidas ao público en xeral e a grupos de escolares, para tomar contacto co mundo do mar, no contexto real da actividade cotidiana dun porto de pesca de baixura.
Visitade a súa páxina web cun deseño impecable e especialmente o seu caderno de bitácora e o caderno da visita a Portocubelo.
Noraboa Manolo!!!


Comentarios

Enciclopedia colaborativa

Como estamos en Semana Santa, e podemos adicarlle un tempo extra a outras cuestións que durante o curso é máis complicado, cada un de nós podería elaborar un artigo para unha enciclopedia aberta e en galego que podemos facer entre todos. O proxecto chámase Wikipedia, e na súa web defínense como:

"Wikipedia é un proxecto internacional feito por voluntarios, co propósito de crear unha enciclopedia ceibe, gratuita, accesible, e colaborativa en tódolos idiomas. Hoxe son 1206 os artigos que están á túa disposición. O obxectivo é a plena transmisón da sabiduría e o coñecemento sen restriccións editoriais nen comerciais. O desenvolvemento da Wikipedia está aberto a todo o interesado en contribuír. Calquera pode editar, crear e eliminar artigos; a publicación é inmediata e non leva ningún tipo de revisón previa".


Tan só é unha proposta, pero hai moitas outras...

Comentarios

4.4.04

O Blog de Ciberlingua

Un dos proxectos máis serios a prol da normalización lingüística en toda a Comunidade educativa (mestres, pais/nais, alumnos) nos últimos anos ven sendo Ciberlingua .
A súa concepción é cada vez máis ambiciosa. O que empezou sendo unha serie de obradoiros que se celebraba en colaboración cos máis importantes concellos de Galicia foi medrando e agora se completa cunha boa colección de xogos, propostas totalmente innovadoras cun deseño impecable como o "Cibernós" de este ano, un foro, e a última novidade do proxecto: unha weblog chamada "O Caderno de Ciberlingua" no que podemos ter cumprida información de todo o que se mova neste campo.


Comentarios

3.4.04

Paxariña Translator

Cando hai uns días falaba do almacén de programas de balde (freeware) en galego - o Freeware World Team - suxería a conveniencia de incrementar con novas traduccións ao galego este banco. Pois ben, hoxe preséntovos un programa feito aquí na Galiza (non é unha traducción) por Pablo Fernández Estévez chamado "Paxariña Translator" que nos permite realizar de xeito doado traduccións de programas dende calquera lingua ao galego.
O programa podedes descargalo de balde dende aquí. A ver se aproveitando os días de lecer podemos facer entre todos algo pola Lingua.

Comentarios

edugaliza.org

Continuando coas suxestións, e para os poucos que aínda non a coñezan , preséntovos o mellor portal educativo galego: edugaliza.org . Está feito por mestres e educadores galegos procedentes da fusión uns dun curso DIME da USC e outros do colectivo lapisdecores de galego21.org.
O portal ofrece contidos educativos, Unidades didácticas, recursos informáticos (onde o Clic ocupa un lugar destacado), foros,...
Visítaa aquí e mándalles a túa opinión.

Comentarios

2.4.04

Freeware World Team

Hoxe amósovos un proxecto mundial e alucinante: o Freeware World Team. O maior almacén de programas de balde ou freeware (hai xa moito tempo que se pasou dos dez mil programas). Eu levo a sección galega con ata o momento 236 programas. Se queres entrar clica aquí .
Lembra que podes participar suxerindo programas ao e-mail que atoparedes na páxina inicial de esa ligazón.


Comentarios

This page is powered by Blogger. Isn't yours?